31/12/12

As probas de acceso aos Ciclos Formativos de Grao Medio en Galicia

En que consisten as probas de acceso a ciclos de Grao Medio?

Os alumnos que non acadan o título de Educación Secundaria e desexan acceder a un Ciclo de formación profesional de Grao Medio poden presentarse a unha proba, coa que, unha vez superada, se obtén  un certificado que permite o acceso a calquera Ciclo de Grao Medio.

Que requisitos hai que cumprir?

Débese ter cumpridos os 17 anos ou  cumprilos no ano natural en que se celebra a proba

Que tramites hai que realizar?

Nos prazos que se estipulen (aproximadamente en  febreiro) deberase presentar unha solicitude para participar na proba en calquera centro onde se imparta formación profesional.

Xunto coa solicitude terase que entregar unha fotocopia do DNI.

Unha vez feita esta inscrición só hai que estar pendente das datas, horarios e lugar das probas. Normalmente  celébranse no mes de maio, en horario de mañá e tarde e nos IES asignados.

As notas saen a finais de xuño de tal xeito que se se supera a proba pódese facer a solicitude de praza en ciclos no prazo ordinario (finais de xuño), e terase preferencia sobre os que presentan a solicitude de admisión en setembro.

Para estes alumnos resérvase o 10% das prazas do ciclo e tense en conta a nota media acadada na proba.


En que consiste a proba?

Consta de tres partes:

1ª parte: sociolingüística  (con exercicios sobre contidos  de lingua e literatura española, de lingua e literatura galega e de ciencias sociais).

2ª parte: contidos de tipo científico – técnico (con exercicios sobre contidos de Ciencias da Natureza e Tecnoloxía).

3ª parte: contidos matemáticos.


Podo convalidar algunha parte da proba?

Os alumnos que superaron o 1º curso dun PCPI poderán estar exentos da parte científico-técnica.

Asimesmo poderán estar exentos desta parte os que teñan como mínimo un ano de experiencia laboral en xornada completa, independentemente do campo profesional onde traballaran.

No caso de ter superado algún ámbito do módulo IV da ESA poderase solicitar tamén a exención da parte correspondente da proba.

Que nota hai que acadar?

Para a superación da proba hai que acadar unha cualificación mínima de 5 como nota media das tres partes. Para realizar a media hai que terr un mínimo de catro en cada parte.

Cantas veces se pode presentar á proba?

Tantas veces como se desexe. Se o alumno se  presentou en convocatorias anteriores e non superou a proba pero acadou un cinco nalgunha das partes, gárdase a nota desa parte durante dous anos, polo que non se terá que examinar delas.
Unha vez feita a proba, deberase estar pendente dos resultados no centro onde se realizou. Se se superou pódese solicitar a correspondente certificación acreditativa.

Como se solicita praza no ciclo?

A superación da proba permite acceder a calquera Ciclo de grao Medio que se escolla. Coa acreditación (que se facilitará no centro onde se realizou a proba) deberase solicitar praza e matricularse nos Ciclos nos mesmos prazos que o resto do alumnado.

Máis información nas seguintes ligazóns:

Preguntas frecuentes

No hay comentarios:

Publicar un comentario