31/12/12

As probas de acceso aos Ciclos Formativos de Grao Medio en Galicia

En que consisten as probas de acceso a ciclos de Grao Medio?

Os alumnos que non acadan o título de Educación Secundaria e desexan acceder a un Ciclo de formación profesional de Grao Medio poden presentarse a unha proba, coa que, unha vez superada, se obtén  un certificado que permite o acceso a calquera Ciclo de Grao Medio.

Que requisitos hai que cumprir?

Débese ter cumpridos os 17 anos ou  cumprilos no ano natural en que se celebra a proba

Que tramites hai que realizar?

Nos prazos que se estipulen (aproximadamente en  febreiro) deberase presentar unha solicitude para participar na proba en calquera centro onde se imparta formación profesional.

Xunto coa solicitude terase que entregar unha fotocopia do DNI.

Unha vez feita esta inscrición só hai que estar pendente das datas, horarios e lugar das probas. Normalmente  celébranse no mes de maio, en horario de mañá e tarde e nos IES asignados.

As notas saen a finais de xuño de tal xeito que se se supera a proba pódese facer a solicitude de praza en ciclos no prazo ordinario (finais de xuño), e terase preferencia sobre os que presentan a solicitude de admisión en setembro.

Para estes alumnos resérvase o 10% das prazas do ciclo e tense en conta a nota media acadada na proba.


En que consiste a proba?

Consta de tres partes:

1ª parte: sociolingüística  (con exercicios sobre contidos  de lingua e literatura española, de lingua e literatura galega e de ciencias sociais).

2ª parte: contidos de tipo científico – técnico (con exercicios sobre contidos de Ciencias da Natureza e Tecnoloxía).

3ª parte: contidos matemáticos.


Podo convalidar algunha parte da proba?

Os alumnos que superaron o 1º curso dun PCPI poderán estar exentos da parte científico-técnica.

Asimesmo poderán estar exentos desta parte os que teñan como mínimo un ano de experiencia laboral en xornada completa, independentemente do campo profesional onde traballaran.

No caso de ter superado algún ámbito do módulo IV da ESA poderase solicitar tamén a exención da parte correspondente da proba.

Que nota hai que acadar?

Para a superación da proba hai que acadar unha cualificación mínima de 5 como nota media das tres partes. Para realizar a media hai que terr un mínimo de catro en cada parte.

Cantas veces se pode presentar á proba?

Tantas veces como se desexe. Se o alumno se  presentou en convocatorias anteriores e non superou a proba pero acadou un cinco nalgunha das partes, gárdase a nota desa parte durante dous anos, polo que non se terá que examinar delas.
Unha vez feita a proba, deberase estar pendente dos resultados no centro onde se realizou. Se se superou pódese solicitar a correspondente certificación acreditativa.

Como se solicita praza no ciclo?

A superación da proba permite acceder a calquera Ciclo de grao Medio que se escolla. Coa acreditación (que se facilitará no centro onde se realizou a proba) deberase solicitar praza e matricularse nos Ciclos nos mesmos prazos que o resto do alumnado.

Máis información nas seguintes ligazóns:

Preguntas frecuentes

As probas de acceso a Ciclos Formativos de Grao Superior en Galicia


Aos Ciclos Formativos de Grao Superior de Formación Profesional poden acceder, mediante proba, as persoas que non reúnan os requisitos académicos para o acceso directo, e que teñan cumpridos 19 anos ou os cumpran no ano da realización da proba. 

Para o acceso a ciclos superiores resérvase o 20% das prazas para os alumnos que acceden mediante proba, e tense en conta a nota media acadada.

A proba consta de dúas partes:
A proba de acceso a ciclos superiores ten unha parte común e outra específica. Nesta última te examinarás dunhas materias ou outras en función do ciclo ao que desexes acceder.


Parte común: Consta de tres exames de materias de 2º de Bacharelato.
Lingua Castelá
Lingua Galega
Matemáticas

Parte específica: Organízase en tres opcións, A, B e C, segundo o Ciclo Formativo ao que queiras acceder e, dentro de cadaa opción, examinaraste de dúas materias:
OPCIÓN A: Economía da empresa, Lingua Estranxeira (Francés ou Inglés) e Filosofía e Cidadanía.
OPCIÓN B: Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial e Física.
OPCIÓN C: Ciencias da Terra e ambientais, Química e Bioloxía.

No caso de superar só unha parte da proba, consérvase a nota da parte superada durante dous anos consecutivos.
Igual que na proba de acceso a ciclos de grao medio, para presentarte a esta proba terás que cubrir un impreso de solicitude, habitualmente no mes de xaneiro, e entregalo nun centro que imparta FP, xunto coa copia do DNI e a documentación xustificativa no caso de solicitar a exención dalgunha parte da proba.

En convocatorias anteriores o exame celebrouse no mes de marzo ou abril.

As familias profesionais ás que podes acceder segundo a opción da proba pola que te presentes A, B ou C, son as seguintes:

OPCIÓN A:
Administración
Comercio e márketing
Hostalaría e turismo
Servizos socioculturais e á comunidade
Comunicación, imaxe e son (só o Ciclo de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos)
OPCIÓN B:
Actividades marítimo-pesqueiras (agás o título de produción acuícola)
Artes gráficas
Edificación e obra civil
Electricidade e electrónica
Comunicación, imaxe e son (agás o ciclo de produción de audiovisuais, radio e espectáculos)Fabricación mecánica
Madeira e moble
Informática
Mantemento e servizos á produción
Mantemento de servizos autopropulsados
Textil, confección e pel (agás o ciclo de curtidos e o de procesos de ennobrecemento textil
Vidro e cerámica
OPCIÓN C:
Actividades agrarias
Actividades físicas e deportivas
Imaxe persoal
Industrias alimentarias
Actividades marítimo-pesqueiras (só ociclo de produción acuícola)
Química
Textil, confección e pel (só o ciclo de curtidos e o de procesos de ennobrecemento textil
Sanidade

Distribución das prazas dos ciclos:
O 80% das prazas dos ciclos resérvanse para os que solicitan acceso directo.
O 20% resérvase para os que acceden mediante proba.
Dentro de cada porcentaxe resérvase un 10% para os estudantes que teñan recoñecida unha discapacidade.
En tódolos ciclos haberá un 3% adicional de prazas reservadas para as persoas que cumpran os requisitos de deportista galego de alto nivel
Quen cumpra simultáneamente os requisitos de acceso directo e os de acceso mediante proba non poderá presentar a solicitude de acceso mediante proba. De o facer, excluirase do proceso de admisión.

Máis información nas seguintes ligazóns:

28/12/12

Orientacións a pais e nais


Acceso á Universidade


    Ligazóns de interese sobre as opcións académicas

    Guía P.A.U




    Guia para informarse dos PCPIs